Wednesday 15 de May de 2024

Inés Rey: “Levamos cen días de avances para sentar as bases da segunda gran modernización da Coruña”


A rexedora fixo balance dos primeiros cen días de Goberno municipal no que é o seu segundo mandato como alcaldesa da Coruña

Desde a toma de posesión ata hoxe, o Goberno de Inés Rey leva executados un total de 16,6 millóns de euros en investimentos

Rey avanzou que este xoves 28 terá lugar a primeira reunión para abrir a negociación de orzamentos do 2024

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o balance dos primeiros 100 días de Goberno municipal no que é o seu segundo mandato como alcaldesa da Coruña. Rey, acompañada dos concelleiros e concelleiras de Goberno, explicou que estes primeiros 100 días foron “cen días de avances para sentar as bases da segunda gran modernización da Coruña”.

A alcaldesa destacou o diálogo como sinal do seu Goberno local e reivindicou a capacidadede xestión como garantía de bo goberno. “Por primeira vez en 23 anos, a cidade apostou pola continuidade dun goberno municipal e iso anímanos a seguir con maior ilusión a senda de modernización da cidade que iniciamos en 2019: diálogo, amabilidade, traballo e xestión para seguir modernizando A Coruña” sinalou. 100 días de diálogo

A alcaldesa, Inés Rey, comezou facendo balance en materia de diálogo coa corporación e con outras administracións. “A nosa máxima é tender pontes e chegar a acordos deixando a un lado as diferenzas, pensando no único beneficio dos coruñeses e coruñesas” explicou.
En canto aos acordos coa corporación, destacou o pleno de organización no que se aprobou por unanimidade dos grupos, froito da negociación con todas as forzas políticas.

“Nestes primeiros 100 días tiveron lugar 4 sesións plenarias nos que debatemos 12 asuntos na parte resolutiva e todos foron aprobados sen votos en contra, 8 de forma unánime” sentenciou Rey.

Rey reivindicou a capacidade de diálogo con outras administracións e fixo balance dos acordos acadados nestes primeiros 100 días. “Seguindo a senda do anterior mandato, normalizamos as relacións con outras administracións poñendo por diante de todo os intereses da cidade, un diálogo que nos permitiu e permite desbloquear proxectos históricos e buscar novas oportunidades” explicou. Situou a elección da Coruña para ocupar a vicepresidencia da FEMP como unha grande oportunidade para A Coruña grazas á capacidade de diálogo.

De acordo co Goberno de España, Rey explicou que continúa a senda de desbloqueo de proxectos históricos coa adxudicación das obras de ampliación de Alfonso Molina por 15,1 millóns de euros e a aprobación do proxecto, cun orzamento estimado de 31,3 millóns de euros. “Dúas importantes infraestruturas que avanzaron nestes primeiros 100 días e que supoñen un impulso ás conexións e mobilidade da cidade coa área” sentenciou Rey.

100 días de xestión | Investimentos

A alcaldesa fixo un balance dos primeiros 100 días en materia de investimentos. Desde a toma de posesión, o Goberno de Inés Rey leva executados un total de 16.557.323 euros. “Só por dar un dato comparativo, no ano 2017 executáronse 10.819.644 euros non en 100 días, senón no total do ano” explicou. A cifra de investimentos é inédita na cidade no período estival.

Rey detallou que desde a toma de posesión máis de 50 intervencións remataron, iniciaron ou avanzaron no seu procedemento de contratación. “A elas súmanse outras importantes obras en marcha como a Casa da Vedoría ou a renovación do Paseo Marítimo que continúan a mellorar as infraestruturas e calidade dos espazos públicos da cidade” explicou.

As máis de 50 intervencións suman máis de 26,2 millóns de euros de investimento para 27 barrios. Tamén destacou outros importantes investimentos como a prórroga do desconto do 50% no prezo do billete do autobús urbano ou a adxudicación do contrato de mantemento de parques e xardíns por 7,5 millóns de euros.

100 días de futuro | Compromisos

“Estes primeiros 100 días deste mandato 2023-2027 irán seguidos doutros 100 que queremos que continúen a ser de avances e de progreso para a cidade e por iso hoxe non só queremos facer balance xeral senón tamén marcar novos retos de futuro” explicou Inés Rey, que detallou os diferentes compromisos ata final de ano.

Rey anunciou que este xoves 28 terá lugar a reunión para abrir a negociación de orzamentos. “Xa temos preparado o bosquexo de orzamentos municipais para 2024 e este xoves terá lugar a reunión para abrir a negociación co Bloque Nacionalista Galego dentro dos prazos marcados no acordo de investidura”, sinalou.

A ese compromiso sumou a posta en marcha do padroado para a xestión da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial AESIA, logo da aprobación dos estatutos que rexirán a entidade; e a creación da sociedade xestora coa Universidade da Coruña para a xestión da Cidade das TIC. Tamén anunciou que se convocará unha reunión interadministrativa sobre o futuro da fachada marítima: “Esta é unha das prioridades para este Goberno, xa demos importantes pasos para a apertura dos peiraos mais temos que seguir avanzando”, aseverou.

En materia de investimentos a alcaldesa comprometeuse á adxudicación das obras da reurbanización de San Andrés que conta cun orzamento de 3,6 millóns de euros e a licitación das obras do Mercado de Santa Lucía, logo da posta en marcha no pasado mandato coa convocatoria do concurso de ideas. “A empresa está en prazo de presentar o proxecto de obra e nos vindeiros 100 días licitaremos o contrato” explicou. Rey tamén sinalou como compromiso a licitación do contrato de renovación da planta de residuos de Nostián e a sinatura do convenio para a apertura do parque do Observatorio, así como a habilitación da totalidade das 55 estacións proxectadas de na primeira fase de expansión deBiciCoruña, instalando as seis bases restantes.

A alcaldesa anunciou que ata finais de ano iniciarase a redacción da ordenanza para o regulamento das terrazas no espazo público así como os plans de inclusión e saúde mental.
“A pesar de ser unha unha medida sanitaria e por tanto de competencia autonómica, iniciaremos a redacción do primeiro plan de saúde mental para facerlle fronte ao que é xa un grave problema” explicou.

Aos compromisos relatados súmase a tramitación da demanda para recuperar a Casa Cornide, a convocatoria do Consello Municipal da Cultura e o posicionamento da Coruña como capital mundial da música da man do WOMEX, o maior evento do sector e que se desenvolverá na cidade no mes de outubro.

Rey concluíu lembrando o seu compromiso de formar un Goberno local preparado esolvente para o progreso da Coruña e seguir avanzando na liña do anterior e primeiro mandato como alcaldesa.